Hai poemas como este da nosa prezada Luz Fandiño, dos que namoran e se convirten en himnos. Neste caso un himno musicado por Acordeireta. Este mes é a canción que está sonando no noso timbre musical, sendo unha peza musical que é traballada no ambiente de Sereas (Identidade de música e danza).
Eu son froito da semente
daquelas mulleres valentes,
Arriscadas, insumisas,
xenerosas elas son,
¡As miñas raíces!
Eu quero vivir soñando.
Eu quero loitar cantando.
Eu quero morrer sorrindo.
Eu quero desnacer loitando.
E o meu berro e o seu berro
aínda que quixera afogalo
E non podo e non debo e non quero silencialo.
E non podo e non debo e non quero silencialo,
pois nos meus xenes levo,
¡lévoo implantado!
Eu quero vivir soñando.
Eu quero loitar cantando.
Eu quero morrer sorrindo.
Eu quero desnacer loitando.
En vida e só en vida
se de verdade ben me queres
agasállame cun feixe de verbas amigas en vida
regaládeme as flores dun libro de poesía
máis fermoso se a mensaxe leva a denuncia con
¡coas súas espiñas!
-Luz Fandiño-
Este poema foi fonte de inspiración no obradoiro de imprenta feito con ALOUETTE MACHINE, creando postais (dentro do proxecto de ARTE POSTAL) con distintos versos deste poema.
Moitas grazas Luz Fandiño pola túa enerxía inspiradora! Moitas grazas por defender a nosa lingua e identidade! Nós tamén queremos VIVIR SOÑANDO!.