Nas obras de MANUEL AYASO latexa unha gramática propia, un diccionario visual persoal dos que só moi poucas persoas poden presumir. A linguaxe plástica ríndese ante os seus pinceis inquietos e incansables, ás veces cun trazo de puntillas tímidas e outras de pegadas fondas sen vernices tratando temáticas de tormentas e tormentos. De tempestades onde tamén aniñan paxariños, chíos e rechouchíos de infancia... que lamen feridas con salitre, salitre do mar que inspira e do que aspira nos ronseis do que tamén foi a súa emigración.
Falar de MANUEL AYASO, é debuxar un universo onde estamos seguros/as que aínda quedan galaxias por descubrir, telóns de teatro que seguir subindo con monicreques que evocan ecos antropormórficos dos que fan sorrir, cavilar, sentir medo, liberacións, puntos de encontro e desencontro... sentimentos antitéticos dos que só quen habitou a vida con intensidade e sangue nas arterias, sabe bordar na pel dos lenzos.
En breve, o almanaque celebrará que fai un ano que visitou a nosa escola e conversou con nós na biblioteca. Agasallounos con debuxos atesourados e historias hipnóticas. MANUEL AYASO ten un nome que hoxe mecanografiamos en MAIÚSCULAS, NEGRITA e SUBLIÑADO.
MANUEL AYASO, veciño e artista universal de Aguiño. Un novo ronsel surrealista, un novo mar. Ata sempre!