xoves, 29 de outubro de 2015

ALICIA EN SETE PALABRAS MARABILLOSAS


Nos 150 anos que van aló, non minguou a fascinación por Alicia e fixéronse innúmeras traducións, adaptacións e versións, ata o punto de estar considerado un dos libros con maior impacto na cultura mundial, un best-séller eterno para lectores de todas as idades, que o "Portal das Palabras" (unha iniciativa da RAG e da Fundación Barriè, quere lembrar con estas sete palabras e tamén coas ilustracións, creadas sobre as que John Tenniel fixo para a primeira edición do libro.
Preme na imaxe para acceder ao recurso.

luns, 26 de outubro de 2015

ACTIVIDADES DÍA DAS BIBLIOTECAS


Con motivo do día da biblioteca no Recanto de Honorata organizamos diferentes actividades, para o alumnado e para as familias, o martes 27.

  • Coas familias xa vós contamos que organizamos unhas xornadas de portas abertas de 16 a 18 horas.

  • Para o alumnado no tempo de recreo, todos/as os que queiran poden asistir a lectura de "Sar, Sarela e os monstros de Compostela" por parte de alumnos de 4º e logo invitarase a que todos e todas os que queiran investiguen sobre estas figuras monstruosas.


- E despois do recreo, os axudantes de biblioteca, leerán dous comunicados, un de Laura Gallego e outro de Diego Arboleda, que fan referencia á conmemoración.

- Entregaranse uns autocolantes co lema "Abre as portas da investigación" ilustrados cunha obra de Chema Madoz.


- E para rematar farase a entrega dos chalecos que levarán os axudantes de biblioteca para que así sexa máis fácil identificalos.

sábado, 24 de outubro de 2015

24 de OUTUBRO: DÍA DAS BIBLIOTECAS



O 24 de Outubro é recoñecido como o Día da Biblioteca, desde que hai anos comezara a celebrarse grazas ao empeño da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, no 1997. Amparado agora polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, o DÍA DA BIBLIOTECA celébrase en todo o estado e serve para dar visibilidade a todas e cada unha das bibliotecas que abren as súas portas día a día para acoller ás persoas en procura de lectura e de coñecementopero tamén de espazos "amigables" nos que compartir experiencia lectora, pensar e traballar xunto con outros en proxectos diversos. 

Para celebrar este día o vindeiro MARTES 27 a biblioteca permanecerá aberta para todos/as aqueles/as que desexedes coñecer o seu funcionamento, o proxecto no que nos embarcaremos ao longo do curso, levar un libro en préstamo, facervos socios/as,... agardámosvos.

E para rematar esta estrada, dende o Recanto de Honorata queremos compartir con todos vós unha frase de Quino para reflexionar e uns vídeos que fan referencia á biblioteca.






domingo, 18 de outubro de 2015

BIBLIOTECA ESCOLAR, BASE DE EXPLORACIÓNS.


"Biblioteca escolar, base de exploracións" é o lema elixido este curso para o cartel da campaña anual de bibliotecas escolares, que chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun mundo máis xusto. Convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido. 

A imaxe do cartel responde á interpretación que deste lema fixo o ilustrador e autor de cómic FRAN BUENO.

mércores, 14 de outubro de 2015

CLUBE DE LECTURA

O vindeiro 26 de outubro, de 16 a 17 horas, terá lugar a primeira xuntanza do clube de lectura deste curso que está dirixido ao alumnado de 6º de educación primaria que.

O libro escollido nesta ocasión é:

"O albúm de Garrincha" da editorial Galaxia escrito por Beatriz Maceda Abelleira.


Garrincha foi un futbolista brasileiro medio coxo, ou coxo completo, coa columna vertebral como unha interrogación. Ninguén pensou nunca que chegaría gañar o Mundial e ser un dos mellores futbolistas de todos os tempos. A historia de Garrincha é a que ten sempre en mente o protagonista desda novela que, a través do fútbol, vai conseguir entender o mundo, ás veces hostil, que o rodea.

luns, 12 de outubro de 2015

PREMIO NACIONAL DE LITERATURA INFANTIL Y JUVENIL 2015



O xurado concedeulle o galardón a Ledicia Costas pola súa obra «Escarlatina, a cociñeira defunta», que consideran «rompedora» e cunha gran habilidade para desmitificar o mundo da morte.
Esta historia foi escollida polo equipo de biblioteca para o seu clube de lectura, e Ledicia visitou o noso centro, aquí podedes recordar o momento.

Dende o Recanto de Honorata queremos felicitala por este premio e animala a que siga escribindo fantásticas historias.