Alex Sebastián de Grip Surf School estivo na nosa escola falándonos do deporte do surf, compartindo a súa experiencia cabalgando sobre as ondas do mar. É un deporte co que estamos moi familiarizados/as xa que forma parte da nosa paisaxe de litoral. Na biblioteca surfeamos sobre a teoría e en breve porémonos os traxes e iremos ata a praia a gozar dun día de salitre e taboas voadoras. Moitas grazas Alex Sebastián por transmitirnos a túa paixón por este deporte!
luns, 29 de maio de 2023
ONDAS E SURF. LIBERDADE SOBRE TÁBOAS.
"VOLVERÁS, GOLFIÑO". REMATAMOS O LIBRO DE ANDREA MACEIRAS. PECHAMOS O CLUBE DE LECTURA "MEDIO PAN" ESTE CURSO.
"Volverás, Golfiño",foi un libro que encheu a biblioteca de misterios con sabor a salitre inspirados en historias reais da nosa costa.Puidemos sentir a resonancia do son dun faro, como ecos na néboa, alumeaban as páxinas e nos invitaban a ser naufragos/as das letras.
Como despedida do clube de lectura "Medio Pan", fixemos unha xoia-amuleto que ven podería levalo Iris nesta obra da escritora galega, Andrea Maceiras. A rosa do vento marca rumbos de lendas que aniñan xa no noso imaxinario. A rosa do vento e a canción tradicional "Alumea" interpretada por Sonia Lebedynski, acompañaranos nas bibliotecas persoais que pouco a pouco van habitando as nosas vidas.
ALUMEAME ALUMEA
ALUMEAME ALUMEA
ESTRELIÑA DA FORTUNA
ALUMEAME ALUMEA
MENTRAS QUE NON SAIA A LÚA.
O CANTAR DO ARRIEIRO
É UN CANTAR MOI BAIXIÑO
CANDO CANTA EN RIBADAVIA
RESOA NO CARBALLIÑO.
POR TI AGARDO NO TORREIRO
IMOS XUNTOS EMBARCARE
VOU CONTIGO MARIÑEIRO
BOTEI AO VENTO UN CANTARE.
VOU CONTIGO MARIÑEIRO
TRAVESÍA DOS CEN MARES
Letra: Tradicional / Sonia Lebedynski
MAIO DAS LETRAS GALEGAS AMARELAS, MAIO DE PAMPILLOS: MARGARIDA LEDO ANDIÓN E PILAR PALLARÉS.
E con esta entrada rematamos o MAIO DAS LETRAS GALEGAS AMARELAS. Sobres amarelos, remitentes poetisas amarelas, arte postal con caligramas amarelo, escritoras amarelas na obra de Fernando Fernández del Riego, obra fotográfica de Sabela Eiriz para por na biblioteca...flores amarelas nos camiños da infancia. Súmase unha obra da artista galega María Antonia Dans dunha nena con flores amarelas.
MARGARIDA LEDO ANDIÓN.
“Facer cinema é intervir, ocupar o espazo público sen pedir permiso, darlle rostro ao velado”.
“Canto á mirada feminista, un dos aspectos que me conmove é a creación dun ligame entre visión e tacto (…) É unha mirada que libera de tipos e estereotipos”.
PILAR PALLARÉS.
Luz de setembro,
sempre nun ritornello adolescente
(novo do trinque o mundo
nun planeta vello ).
Luz baixo as perfebas de novembro,
Ofelia adormecida na ribeira.
Lagoa de cristal no ceu de Advento.
Luz silenciosa
pulando da raíz até os paxaros,
inventando o verdor,
criando marzo
nas entrañas do tempo.
Luz pura do verán:
país da infancia.venres, 26 de maio de 2023
ECOLINGÜISMO: "RECEITAS PARA ACARIÑAR A LINGUA". LIBROS DE RECEITAS EN GALEGO NO AMBIENTE DE COCIÑA.
No ambiente de cociña, onde se fan ricas receitas podemos atopar libros de cociña en galego. Receitas para "acariñar a lingua".
Algunhas das adquisición deste curso son os seguintes:
A NATUREZA NA OBRA DE XULIA MINGUILLÓN. REFLEXIÓNS ARTÍSTICAS.
Na obra da artista galega Xulia Minguillón, podemos atopar exemplos de como a natureza foi unha das súas fontes de inspiración.
" TEÑO A NATUREZA, A ARTE E A POESÍA. SE NON É SUFICIENTE...QUE É O SUFICIENTE?- VAN GOGH.
xoves, 25 de maio de 2023
O ARCO DA VELLA NA BIBLIOTECA. CHARLA DA CRUZ VERMELLA SOBRE LGTBI.
Hoxe a nosa biblioteca encheuse das cores do arco da vella. Cores da diversidade afectiva e sexual. Cores da vida.Hai tantas formas de amar e relacionarnos como persoas somos no planeta. Moitas grazas María e Patricia por compartir con nós os dereitos que temos como persoas! Moitas grazas por facer que a nosa pel de sociedade sexa máis sensible e respetuosa!
mércores, 24 de maio de 2023
MARIAM KAMARA: MERCADO DE DANDAJI. ARQUITECTURA INSPIRADA NA NATUREZA. ÁRBORES DE SOMBRA.
MARIAM KAMARA, é unha arquitecta nixeriana. No seu deseño do mercado de Dandaji atopamos un exemplo de inspiración na natureza. Maxestuosas árbores que cobixan na súa sombra ás persoas, humanizando a arquitectura.
MUSEO DOS CONTOS NA BIBLIOTECA.

ODA Á COR NEGRA, POSTAL INTERACTIVA: AUDRE LORDE, NELSON MANDELA, PAUL GAUGUIN E MARTÍN LUTHER KING.
Esta postal interactiva (de madeira e pizarra) é unha oda á cor negra. A través das reflexións de Audre Lorde, Nelson Mandela,Paul Gauguin e Martín Luther king, buscamos borrar as connotacións negativas atribuidas a esta cor proxectada na pel das persoas.
AUDRE LORDE: " O negro absoluto,que fala, dende o interior da terra...unha xoia a plena luz"
NELSON MANDELA: "Ninguén nace odiando a outra persoa a causa da cor da súa pel, orixe ou relixión".
PAUL GAUGUIN: "Só un ignorante asigna unha cor fixa e inmutable a cada obxecto".
MARTÍN LUTHER KING: "Soño que os meus catro fillos algún día vivirán nunha nación onde non se lles xuzgará pola cor da súa pel, senón polo seu caracter"