Esta semana tivemos a oportunidade de voar como LAVERCAS (e outros paxaros), ou dito doutro xeito, voamos das mans de Cris e Jean-Ba co seu proxecto de imprenta nómada e itinerante ALOUETTE MACHINE na biblioteca da nosa escola.
Cris e Jean-Ba souberon fusionar a esencia e temática dos distintos proxectos nos que estamos inmersos/as este curso e a posta en marcha da súa imprenta manual co devagar co que se fai o caldo a lume lento nas cociñas de ferro galegas:
- "Tiébélé; mulleres esdrúxulas",onde as mulleres pintan as fachadas das casas inspiradas en elementos da natureza como pode ser o voo dos paxaros. Ofrecéronnos diversidade de paxaros compartindo os seus coñementos sobre as aves con nós.
- "Arte postal, arte en movemento", creando distintas postais con paxaros e diversas curiosidades, animais, versos, mensaxes...
- Proxecto anual "Paisaxes habitadas, paisaxes transitadas" focalizando a atención principalmente nos paxaros (bubela, cirrio...), estando acompañados por outos animais da nosa fauna (peixes, xabaríns...) todas elas con moldes tallados a man que puidemos estampar e tatuar as súas formas sobre distintos tipos de papel.
Ademáis foron quen de recoller distintas pinceladas de proxectos que temos na escola e que forman parte da nosa identidade:
- Facendo distintos carteis manualmente facendo un guiño á nosa Editorial.
- Traballando cun poema da nosa admirada Luz Fandiño, sendo a canción que temos este mes no noso timbre musical "Loitar cantando" interpretada por Acordeireta
Nos distintos faladoiros explicáronnos como funcionan estas imprentas manuais, como son os procesos de impresión, presentación de materiais,...foi como unha viaxe no tempo, viaxe moi necesaria nos tempos das presas e brillos de vernices.Presas que nos amordazan e non nos deixan deternos e saborear os matices da vida.
Foi unha experiencia moi intensa a nivel manipulativo, sensorial e emocional, de creación persoal e colectiva, de exposición...polo que iremos facendo varias entradas no blogue para intentar recoller o máximo posible o que sentiu a nosa pel.
Moitas grazas por todo e por tanto Cris e Jean-Ba! Grazas por ofrecernos a oportunidade de sentir distintas formas tipográficas e os moldes de animais que son verdadeiras xoias escultóricas. Grazas por abrirnos as portas de novos espazos de creación e expresión descoñecidos. Grazas pola vosa sensibilidade!
Foi un luxo contar co voso ilusionante proxecto cultural, de identidade e ecoloxista, na nosa escola!