Esta semana tivemos un obradoiro de arte coa ilustradora do noso libro "A folla azul" do Clube de lectura "Medio Pan". Sonia García é unha ilustradora de Ribeira que nos invitou a ilustrar unha obra persoal inspirada na lectura do libro saboreado durante todo o trimestre. As follas e as súas múltiples formas estiveron presentes nos nosos deseños, así como tintes naturais como pode ser o café. Gozamos moito desta experiencia.Facémonos eco doutros traballos de ilustración de Sonia García, como pode ser o libro de "Sementes" ou a deseño do disco "Contrapunto" de Tanxugueiras. Moitas grazas Sonia por compartir esta xornada artística con nós!.
venres, 31 de marzo de 2023
xoves, 30 de marzo de 2023
ARTE POSTAL: POESÍA CAMIÑANTE.
mércores, 29 de marzo de 2023
"ESCOLA ABERTA". FAMILIAS COLABORADORAS NO DÍA A DÍA NA NOSA ESCOLA.
Este trimestre comezamos cas distintas modalidades de "Escola Aberta". As familias colaboradoras poden estar cos seus fillos e fillas nos ambientes de aprendizaxe e compartir con eles/as distintas experiencias onde a linguaxe oral, a escrita, plástica...está presente, creando espazos compartidos de complicidade a través de lecturas, debuxos, faladoiros...
martes, 28 de marzo de 2023
REMATAMOS O LIBRO " A FOLLA AZUL" DE ANDREA MACEIRAS NO CLUB DE LECTURA "MEDIO PAN"
Esta semana rematamos o libro "A folla azul" de Andrea Maceiras e ilustrado por Sonia García, no noso club de lectura "Medio Pan". Os libros que se van lendo ao longo da vida son viaxes a través de diversas paisaxes literarias. De todas estas viaxes imos configurando o mosaico lector de cada quen, con teselas do que sentimos, do inesperado, de vocabulario novo que nos fai cóxegas...A lectura colectiva dos clubs fai que teñamos recordos cómplices de frases que nos provocou risa, que dramatizamos en voz alta, de dúbidas, incertidumes, sorpresas...Husu Aké, Amazonía, Tacaré...xa forma parte dos nosos pasaportes. Hoxe fixemos unha festa de remate, unha festa para celebrar que pechamos un libro que nos abriu moitas portas.
luns, 27 de marzo de 2023
VISITA A AGADEA. RECORDOS NOS PETOS.
A semana pasada fixemos unha visita a AGADEA (Ribeira). Preparámola con moito agarimo, facendo distintos faladoiros onde tratamos temas como o alzheimer, a memoria, a necesidade de coidados, a dependencia... Elaboramos con moito mimo un collage colectivo entre todos os grupos referencias da Comunidade de Medianas/os. Reflexionamos plasticamente sobre que cousiñas non nos gustaría esquecer xamais ,relacionado coa nosa escola: os/as amigos/as, os xogos, os contos,...Moldeamos a súa forma a través da metáfora dos petos das prendas. Ás veces, esquecemos algún obxecto neles, e nos levamos unha grata sorpresa ao atopalos. Son recordos que non están perdidos, son recordos que durmen nos petos e de vez en cando acariñan as nosas mans. Nos petos do noso collage metemos saquiños de infusión porque sabemos o importante que é a memoria olfativa, como ésta evoca o pasado para abrazalo no presente, e sentir o seu caloriño aínda que sexa un intre.
Este foi o agasallo para os avós, as avoas e os/as traballores/as de AGADEA. Foi unha xornada chea de miradas de cariño, de tenrura, de complicidade entre xeracións, de xogos con globos...Moitas grazas a toda a comunidade de AGADEA polo voso recibimento e sensibilidade!
27 DE MARZO. DÍA DO TEATRO. OBRADOIRO CO MESTRE GONZALO.
Que mellor xeito para celebrar o Día do Teatro que co noso querido mestre Gonzalo De Lucas! Esta semana fixemos distintos obradoiros de teatro con el. Seleccionamos varios contos para dramatizar a través da elaboración de diversos monicreques de pau. Traballamos no Café-Teatro, nos ambientes de identidade artística e na Biblioteca. Despois das vacacións de Semana Santa seguiremos con máis obradoiros interpretando as obras que estamos preparando. Algún dos títulos escollidos foron: "A mellor sopa do mundo"."Onde viven os monstros". "A que sabe a lúa?"
Moitas grazas por todo Gonza! Por facernos desfrutar no escenario compartindo recursos para expresarnos a través de distintas linguaxes. Por transmitirnos o entusiasmo a través de personaxes e inventando novos universos cheos de enerxía positiva entre os telóns!
sábado, 25 de marzo de 2023
ESCOLA ABERTA: FAMILIAS EXPERTAS. CONVERSA SOBRE ROBÓTICA E PROTECCIÓN CIVIL.
"Escola Aberta" é un proxecto de colaboración e implicación de toda a comunidade educativa a través diversas modalidades (familias expertas, colaboradoras, comisións,...) que volve a activarse tras os cursos de pandemia.
Esta semana visitounos Carlos, o pai de Laia da Comunidade de Pequenos/as. Compartiu con nós moitos coñecementos sobre robótica, cuestións super interesantes do mundo das máquinas. Ademáis tamén nos falou de diversos aspectos sobre Protección civil. Moitas grazas por todo Carlos!
venres, 24 de marzo de 2023
SEGUIMOS RECIBINDO CARTAS, POSTAIS...ENMARCADO DENTRO DO PROXECTO "ARTE POSTAL, ARTE EN MOVEMENTO"
Durante todo o trimestre estivemos recibindo postais, cartas, paquetes...cheos de mensaxes reinvidicativos sobre diversos temas sociais, ambientais, ...Nós tamén estivemos escribindo as nosas cartas. Este paquete-postal tiña mensaxes sobre mulleres artistas negras e sobre arte e diversidade.