martes, 29 de novembro de 2022

A BIBLIOTECA COMO ESPAZO DE EMOCIÓNS. CONVERSA E OBRADOIROS SOBRE O QUE SENTIMOS.

 Este mes tivemos un obradoiro dan man de María de RENACER titulado "Aprender a ser". Conversamos sobre distintas emocións que forman parte do noso día a día, e que poden ser un trampolín que en determinadas situacións e circunstancias abran a porta a por en risco a nosa saúde: drogas, alcohol...Moitas grazas María por compartir con nós esta xornada chea de reflexións e sensibilidade!

 







luns, 21 de novembro de 2022

NOVEMBRO: MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS.


Un ano máis chega o mes de novembro, dedicado á ciencia en galego nas bibliotecas escolares. Por que? O científico galego Ángel Carracedo explica nun fermoso texto a resposta:
"Entusiasmo e proximidade son a clave da divulgación científica, e que te sintan como eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a garantía para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces e rapazas queiran dedicarse a ela." 
Roda, xenética, predición, atmosfera... enchamos a biblioteca de ciencia en galego! Déixamosvos algunhas imaxes das maquetas de inventos realizadas polo alumnado de maiores de maiores e expostas na biblioteca.
















 

luns, 14 de novembro de 2022

LENZOS DE PEL DE PALABRAS.

 Os lenzos poden ter moitos tamaños, cores, texturas...e tamén poden ter pel de palabras. No microatelier do ambiente de Palabras (Comunidade de pequenos/as) preparamos lenzos con textos. Estes son pintados, dándolle novos significados ás letras, palabras, frases, textos...creando un novo relato visual.








🎵ESTREAMOS NOVO TIMBRE MUSICAL!
 
Dentro do proxecto "Somos Ondas"Hoxe estreamos novo timbre musical, o tema "Zocos" de Guadi Galego, do seu último álbum "Costuras". Que fermosa canción!





martes, 8 de novembro de 2022

BLOG DA EDITORIAL.

Na última entrada falamos de ESCRIBIR para contar, comunicar, compartir... Disto saben moito os alumnos e alumnas de maiores no ambiente Editorial! 
Para ler e ver as súas creacións podedes consultar o blog da editorial: 

https://heroinasdixital.com/. 




A BIBLIOTECA COMO ESPAZO DE INSPIRACIÓN PARA OS NOSOS ESCRITOS.

ESCRIBIR A BIBLIOTECA ESCOLAR.

O 24 de outubro celebrouse o Día das Bibliotecas Escolares, que durante este 2022 pon o foco en todas as formas da escrita que ofrece a Biblioteca. Escribir para comunicar, contar, compartir saberes, para versionar ou para crear... Encántanos escribir! 







sábado, 5 de novembro de 2022

"PAISAXES LIDAS". LECTURA NO PATIO. BOLBORETAS NAS NOSAS MANS.

 A lectura non precisa paredes nin teito. As plantas, as árbores, o ceo, a terra, etc crean escenarios que tamén invitan a abrir os libros e convertilos en bolboretas.





venres, 4 de novembro de 2022

A BIBLIOTECA COMO ESPAZO PARA SUMERXIRNOS.

 Sumerxirnos na lectura é un dos praceres máis grandes que existen, desconectas para conectar con universos descoñecidos. É atopar fondos mariños cheos de corais de poesía, de letras que danzan, de palabras adxectivadas... Sumerxirse nun libro é  a vida a cámara lenta.








 


xoves, 3 de novembro de 2022

BIBLIOTECA DO AMBIENTE DE VERSOS.COMUNIDADE DE MEDIANAS/OS.

 Hoxe entramos na biblioteca do ambiente de Versos (Identidade Lingüística) da Comunidade de medianas/os. Nela podemos atopar libros de poesía, de fábulas,personaxes de contos...libros para soñar despertos/as e imaxinar universos cheos de rimas das que acariñan todos os sentidos.








mércores, 2 de novembro de 2022

A NOSA BIBLIOTECA "HEROÍNAS DE SÁLVORA". NIÑO DE SOÑOS.

 Como xa vos contamos, a nosa biblioteca central "Heroínas de Sálvora" estivo en reformas. A isto súmase os anos de pandemia que limitou as dinámicas do día do día. Este curso estamos moi ilusionados e ilusionadas. Sentimos que a biblioteca ten o recollemento dun niño.  Niño literario, relacionado co noso proxecto anual de innovación de "Paisaxes habitadas, paisaxes transitadas".Pouco a pouco iremos descubríndoa.

 


 



 












martes, 1 de novembro de 2022

PAISAXES HABITADAS, PAISAXES TRANSITADAS. PROXECTO ANUAL DE INNOVACIÓN.

PAISAXES HABITADAS, PAISAXES TRANSITADAS.

Coa portada do caderno de bitácora deste curso aproveitamos para presentarvos o título do proxecto de innovación: "Paisaxes habitadas, páxinas transitadas". Este título sintetiza a idea da relación do ser humano coa natureza e como se van creando paisaxes interiores que inspiran e crean manifestacións literarias. Ademais, súmase a idea da metáfora das páxinas dos libros como paisaxes polas que camiñar e transitar.
Empregamos para o cartaz a obra "Homenaxe ao teatro moderno" do artista Manuel Ayaso, ao que tivemos o pracer de coñecer o ano pasado na escola.