luns, 27 de marzo de 2023

VISITA A AGADEA. RECORDOS NOS PETOS.

 A semana pasada fixemos unha visita a AGADEA (Ribeira). Preparámola con moito agarimo, facendo distintos faladoiros onde tratamos temas como o alzheimer, a memoria, a necesidade de coidados, a dependencia... Elaboramos con moito mimo un collage colectivo entre todos os grupos referencias da Comunidade de Medianas/os. Reflexionamos plasticamente sobre que cousiñas non nos gustaría esquecer xamais ,relacionado coa nosa escola: os/as amigos/as, os xogos, os contos,...Moldeamos a súa forma a través da metáfora dos petos das prendas. Ás veces, esquecemos algún obxecto neles, e nos levamos unha grata sorpresa ao atopalos. Son recordos que non están perdidos, son recordos que durmen nos petos e de vez en cando acariñan as nosas mans. Nos petos do noso collage metemos saquiños de infusión porque sabemos o importante que é a memoria olfativa, como ésta evoca o pasado para abrazalo no presente, e sentir o seu caloriño aínda que sexa un intre.

 Este foi o agasallo para os avós, as avoas e os/as traballores/as de AGADEA. Foi unha xornada chea de miradas de cariño, de tenrura, de complicidade entre xeracións, de xogos con globos...Moitas grazas a toda a comunidade de AGADEA polo voso recibimento e sensibilidade!