Amosando publicacións coa etiqueta FAMILIAS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta FAMILIAS. Amosar todas as publicacións

venres, 2 de xuño de 2023

ESCOLA ABERTA: FAMILIAS EXPERTAS.

 Os nosos coñecementos seguen ampliándose  grazas ás visitas das familias expertas que preparan charlas,obradoiros... sobre distintos temas. 

 José Antonio, pai de Martín, contóunos distintas cuestións sobre a arquitectura achegándonos planos, maquetas...Juan, o pai de Hugo, mostróunos o seu uniforme de traballo e explicounos como velan pola seguridade da cidadanía como garda civil. Fernando e Nieves , pai e nai de Fernando e Dani agasalláronnos coa música dos seus instrumentos e Puri, nai de Diego, ensinounos a facer unhas deliciosas receitas no ambiente de cociña.

Moitas grazas a todos e todas por adicarnos o voso tempo, saberes que nutren todos os nosos sentidos!









mércores, 31 de maio de 2023

ESCOLA ABERTA: INTRES LECTORES EN FAMILIA.

 Cando nos visitan as familias colaboradoras, danse intres  espontáneos máxicos de lectura entre nenos/as e adultos/as. Son instantes de vinculacións moi umbilicais.






 


luns, 22 de maio de 2023

ESCOLA ABERTA: FAMILIAS COLABORADORAS.

Como podemos observar nas imaxes, as familias colaboradoras comparten diversos tipos de linguaxes cos seus fillos e fillas, variedade de xogos, ...os nenos e as nenas fan de guías nos distintos ambientes de aprendizaxe.







 

venres, 19 de maio de 2023

ESCOLA DE FAMILIAS: " OS VALORES E A IMPORTANCIA DO CONTACTO CON ELEMENTOS DA NATUREZA PARA A XESTIÓN EMOCIONAL"


 Esta semana as familias tiveron unha charla  enmarcada na Escola de Familias conducida por Jose Antonio Martínez Novas, onde se puxo en valor todo o potencial da natureza para o noso desenvolvemento emocional. Moitas grazas  Jose Antonio, por achegarnos todas estas reflexións, que sen lugar a dúbidas, nos serven para coñecernos máis a nós mesmos/as e para acompañar os nosos fillos e fillas nos procesos de vida!

xoves, 18 de maio de 2023

NOVO ESPAZO NA BIBLIOTECA: HOMENAXE Á INFANCIA E ÁS FAMILIAS.

    Cando deseñamos un espazo na escola, non o deixamos en mans do azar, hai moitos bosquexos e ideas compartidas. Son espazos dentro dos ambientes pensados e reflexionados en base ás necesidades auténticas do alumnado, da comunidade educativa, ... isto aderezado con distintas conexións culturais que poidan existir, buscando sempre un mimo estético e de harmonía no conxunto do mesmo.

     Este é o caso dun novo espazo da  biblioteca central "Heroínas de Sálvora" da nosa escola. Quixemos proxectar un lugar que fora unha homenaxe tándem á infancia e as familias, onde poidan estar  presentes diversas linguaxes fusionadas evocando a Loris Malaguzzi. 


    Este espazo está pensado para que sexa  adaptable para toda a comunidade educativa, sendo as familias o noso centro de atención principal á hora de elixir o tamaño do mobililario, posto que desexamos poder ofrecer  un punto de encontro con elas,  onde a comodidade sexa unha aliadada do benestar para as charlas, lecturas compartidas,escola de familias, reunións de comisións de traballo...

 


    Na súa fundamentación máis romántica, familias e nenos/as danse a man a través da biografía de Paul Klee, artista elixido para o estampado central do sillón, posto que este autor elaboraba monicreques con todo tipo de materiais de reciclaxe e de desfeito para o seu fillo . Contáballe infinidade de contos e inventaban relatos conxuntamente.


     A todo isto súmase a súa ideoniedade para celebrar os clubes de lectura e os encontros cos/as escritores/as e ilustradores/as dos libros lidos, posto que os/as participantes son o alumnado da Comunidade de Maiores. Non esquenzamos que o autocolante e cartel do seu clube  de lectura "Medio Pan" ten unha ilustración de Kvêta Pacovská onde os aparecen tamén monicreques.




mércores, 10 de maio de 2023

MAIO DAS LETRAS GALEGAS AMARELAS: " A VOLTA AO MUNDO DE HISTORIAS E CONTOS" DE "POLO CORREO DO VENTO". FAMILIAS E LECTURAS.

 "Polo correo do vento"  a través da súa actuación " A volta ao mundo  de historias e contos"encheu a biblioteca de literatura, notas musicais, xestos e ilustracións. Cando se fusionan varias linguaxes (oral, corporal, plástica, musical...) os relatos convírtense en pasaportes para vivilas e sentilas dende o latexo da nararración. Da man de Pancho percorremos mares e montañas, subliñando o papel da emigración do noso pobo galego. As postais e os selos (por exemplo de Rosalía de Castro)  como parte integrante das historias conectaron co no noso proxecto de "Arte postal, arte en movemento". Autores como Manuel María, Aquilino Iglesias...estiveron nos pentagramas poéticos das cancións que se interpretaron situándonos en distintos puntos xeográficos (EEUU, México...), foi un paseo por estas paisaxes habitadas, por estas paisaxes transitadas para familias e nenos/as.

Moitas grazas compañeiros Antón, Carlos e Quique, de "Polo correo do vento" por compartir con nós estas historias cheas de conexións coa nosa cultura e identidade galega, tecidas con tanto agarimo e ilusión!.










sábado, 6 de maio de 2023

EXPOSICIÓN DAS OBRAS CREADAS NOS OBRADOIROS DA IMPRENTA NÓMADA DE ALOUETTE MACHINE.ARTE POSTAL.

 

 

 

 As familias tiveron a oportunidade de coñecer de preto as nosas creacións e todos os instrumentos de traballo manual da imprenta de ALOUETTE MACHINE contando coas explicacións de Cris e Jean-Ba

.






xoves, 4 de maio de 2023

ESCOLA ABERTA .FAMILIAS EXPERTAS.

 Poñer en valor a riqueza dos recursos humanos da parroquia e compartir coñecementos é unha das finalidades da nosa modalidade de Escola Aberta: familias expertas.

Nesta ocasión trátase de coñecementos no ámbito sanitario da man de Mariló (enfermeira e nai de Paula M.), Sonia (doutora de urxencias) e Raquel (técnica de laboratorio e nai de Dani M.). Todas elas traballan no hospital do Barbanza.

Mariló e Sonia estiveron na Comunidade de Maiores cun obradoiro de PRIMEIROS AUXILIOS. Este é un tema moi importante na nosa formación integral. Tivemos a oportunidade de facer prácticas cun boneco preparado para traballar estas cuestións. Foi realmente interesante.





Na Comunidade de Pequenos/as estivo Raquel, contándonos no faladoiro distintas cuestións moi interesantes que se fan nun laboratorio de hospital. Falounos do sangue e a súa composición, así como do  tratamento das mostras. Foi moi manipulativo e didáctico (con instrumentos de traballo, maquetas dos glóbulos brancos, vermellos e plaquetas), tendo a oportunidade de facer simulacros  de procesos como verdadeiros/as técnicos/as.







Moitas grazas por todo Mariló, Sonia e Raquel! foi un pracer contar coa vosa presenza na nosa escola e os vosos coñecementos compartidos!.