Amosando publicacións coa etiqueta ARTISTA HABITANTE. ARTE. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ARTISTA HABITANTE. ARTE. Amosar todas as publicacións

venres, 16 de xuño de 2023

mércores, 14 de xuño de 2023

ECOGRAFÍAS DE GARATUXAS, PESPUNTO E PALABRAS HABITADAS.

 Onte o mes de Abril voltou a entrar pola porta da nosa escola. Retomamos o punto e seguido que bordamos daquela cando o ollo de cámara fotográfica da nosa querida artista habitante Sabela Eiriz se despediu cun sorriso dos que non fan falta nada máis.

    É un privilexio que Sabela nos faga partícipes dos procesos de creación das súas obras e nos invite a coñecer as súas entrañas. Son labirintos misteriosos que descoñecemos e que poñen en valor todo o traballo que hai detrás de cada peza artística. Son manillas de reloxio calcetando bufandas infinitas de horas interminables.

 Son procesos con luces e sombras, son bosquexos con fatigas e enerxía, son xogos con materiais, son visitas a talleres de edición buscando mans que mimen as súas "criaturas", son ilusións e tomas de decisións. Son sons.

Sabela trouxonos "ecografías" dos seus fotolibros. Estamos desexando telos nas  mans e darlle os colos cos que agarimamos as nosas lecturas. Ademais das tintas que se utilicen para editalos, sabemos que nas súas follas a intersección de impresións sensoriais será unha constante. 

Emocionounos evocar ecos de PESPUNTO e GARATUXAS. Emocionounos sentir as pisadas convertidas en pegadas da cámara de Sabela por toda a escola filmando e recollendo intres cotiás e convertindóos en extraordinarios. Emocionounos que unha artista compartira con nós un proceso creativo e creador.

Onte o mes de Abril voltou a entrar pola porta da nosa escola. Nas nosas caras sentimos novamente a maquillaxe azul da intervención  PALABRAS HABITADAS 

Moitas grazas SABELA EIRIZ por compartir o teu sentir,  grazas por habitar no mes da Revolución dos Caraveis o Ceip Heroínas de Sálvora!.

 













 


venres, 12 de maio de 2023

INTERVENCIÓN ARTÍSTICA CON SABELA EIRIZ NA COMUNIDADE DE PEQUENOS E PEQUENAS: "GARATUXAS".

 Na Comunidade de Pequenos/as da artista Sabela Eiriz, a intervención artística levou como título: "Garatuxas".

 

 (Imaxes de Sabela Eiriz)

Punto de partida: As mostras de afecto, os aloumiños...a través das mans foi o punto de atención dos obxectivos da cámara. Na infancia, a observación do papel protagonista das mans e da acción de “tocar o mundo” para coñecelo e conquistalo buscando portas onde petar, subliñouse en negrita e maiúsculas nesta intervención.

 


Obra referente: o fotolibro Supplemento al dizionario italiano do artista, deseñador e pedagogo Bruno Munari, no que o artista fixo un inventario da linguaxe non verbal coas mans como protagonistas. Súmase o fotolibro que o mesmo Munari elaborou xunto ao fotógrafo Enzo Arnone Ciccì Coccò, un fotolibro no que mostran escenas onde nenos e nenas son protagonistas. 


 Proposta: Na nosa comunidade iniciamos un “inventario de xestos e afectos”, un inventario de Garatuxas en escenarios do cotiá. Escenarios en días calquera que fan as follas dos almanaques extraordinarios. Un inventario que se recollerá nun fotolibro de mans que falan, que rin, que saudan, que consolan, que colaboran, que acarician texturas de amistade...mans que xogan a medrar.

 

 





xoves, 11 de maio de 2023

INTERVENCIÓN ARTÍSTICA DE SABELA EIRIZ NA COMUNIDADE DE MAIORES "PALABRAS HABITADAS"

(Imaxes de Sabela Eiriz)

A intervención artística feita pola artista habitante Sabela Eiriz na Comunidade de Maiores levou por título PALABRAS HABITADAS.
 
As imaxes que imos mostrar forman parte dun proceso artístico que neste momentos se está desenvolvendo e moldeando, polo tanto estamos falando da antesala, do "como se fixo".


Punto de partida: No ambiente de Sereas (Identidade de música e danza) leváronse a cabo diversos faladoiros sobre os dereitos dos nenos e das nenas. A partir destes elaboraron un inventario de palabras que nos suxerían e inspiraban.



Inventario da palabras:



 

 

LIBERDADE AMIZADE FAMILIA APRENDER DEREITOS SAÚDE XOGAR

DESCANSAR ROUPA PROTECCIÓN FELICIDADE ALIMENTACIÓN ESCOITAR

OPINAR DESCANSAR COIDADOS APRENDER FOGAR EDUCACIÓN EXPRESARSE

RESPECTO NATUREZA XUSTIZA PAZ
...







Referente: A referente desta intervención foi Helena Almeida, artista portuguesa multidiscipliar que traballou coa performance, a fotografía e o vídeo, sendo moi interesante, tanto pola súa linguaxe corporal como conceptual. Ela traballaba co seu corpo, rexistrando fotográficametne as súas accións, e a miúdo interviña as fotografía posteriormente con pintura, creando os seus "Lenzos habitados". Noutros casos, acompañábaas de gravacións sonoras e de vídeo, explorando a relación entre o corpo humano e o espazo que a rodeaba.

Proposta: As palabras do inventario tomaron inicialmente forma musical. Posterioremente, levámolas a nós, indagando o que nos transmitian e buscando xeitos de expresalas mediante o noso corpo.  No proceso, falamos e investigamos sobre as distintas maneiras que atopamos de expresar,  se coincidimos, se hai partes do noso corpo durmidas, se hai partes que desexesan despertar pero atopan dificultades, se sentimos liberdade ou aduanas.







A intervención conxugou espazos persoais e espazos de encontro, fortuitos e buscados. Camiños trazados polo devagar da reflexión corpoal persoal e ronseis de andares compartidos. 
A nosa maquillaxe escollida foi azul despois de sumerxirnos na obra de Helena Almeida.
Habitamos palabras, habitamos as  nosas paisaxes erosionadas e  as que aínda están por descubrir, articular e definir. Habitamos palabras nos diccionarios  corporais que reinvindican os seus dereitos, como nenas, como nenos, como persoas. Habitamos a propia necesidade de HABITAR.



(Imaxes de Helena Almeida)