Da man da Artista Habitante, SABELA EIRIZ, coñecemos os FOTOLIBROS.
Sabela Eiriz fainos un achegamento ao fotolibro como manifestación artística, cando lle preguntamos:
Que é un fotolibro?
Un fotolibro non é só “un libro con fotos”,…
Non é un catálogo, o cal recolle, por exemplo, a obra dun/a artista ou dun período.
Non é un álbum de fotos, que recolle unha experiencia ou lembranzas persoais.
Non é un fanzine, que adoita estar más limitado en formatos.
Non é un libro de artista, porque moitas veces no fotolibro participan moitas persoas.
Entón… que é un fotolibro?
É un libro onde as fotografías son as protagonistas (aínda que tamén poden aparecer outros elementos como textos, debuxos e gráficos como, por exemplo, mapas).
Mediante esas imaxes, o fotolibro relata unha historia ou traslada unhas ideas, máis ou menos abstractas. Por iso, as fotografías teñen unha orde, unha disposición e un tamaño pensados para expresar o que queremos contar. Tamén o tamaño, as cores e a encuadernación do fotolibro poden ter significado (por exemplo, un tamaño pequeno crea unha relación máis íntima co libro). Podemos xogar con todos os aspectos da forma e o formato para aportar significado ao contido. Ademais, o fotolibro adoita ser unha obra conxunta de diferentes persoas: a autora ou autor das fotos, a persoa que o edita, a persoa que o deseña, as persoas encargadas da impresión…
O fotolibro é unha manifestación artística en si mesma (como unha película, unha peza musical ou unha escultura), e unha das posibilidades que temos á hora de darlle forma e soporte a un proxecto fotográfico. Co fotolibro, podemos contar unha historia, elaborar un discurso visual ou transmitir unhas ideas, creando unha narrativa mediante a secuenciación (a orde das fotos) e a disposición (a colocación das fotos nas páxinas). É dicir: nada é aleatorio, a maneira en que ordeamos e combinamos as imaxes (ou as imaxes con, por exemplo, texto) crea significados.
Seguiremos conversando con Sabela sobre este tema tan interesante e investigando sobre o mesmo.
(Fotografías de Sabela Eiriz na Comunidade de Medianos/as visualizando distintos fotolibros)