Amosando publicacións coa etiqueta ESCOLA ABERTA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ESCOLA ABERTA. Amosar todas as publicacións

xoves, 15 de xuño de 2023

INSTALACIÓN DAS HERBAS DE SAN XOAN NA BATEA DO PATIO EN COLABORACIÓN COAS FAMILIAS.

 



  Vinte unha crara noite,

noitiña de San Xoán,

poñendo as frescas herbas

na fonte a serenar.

E tan bonita estabas

cal rosa no rosal

que de orballiño fresco

toda cuberta está.

(Rosalía de Castro) 







mércores, 14 de xuño de 2023

ECOGRAFÍAS DE GARATUXAS, PESPUNTO E PALABRAS HABITADAS.

 Onte o mes de Abril voltou a entrar pola porta da nosa escola. Retomamos o punto e seguido que bordamos daquela cando o ollo de cámara fotográfica da nosa querida artista habitante Sabela Eiriz se despediu cun sorriso dos que non fan falta nada máis.

    É un privilexio que Sabela nos faga partícipes dos procesos de creación das súas obras e nos invite a coñecer as súas entrañas. Son labirintos misteriosos que descoñecemos e que poñen en valor todo o traballo que hai detrás de cada peza artística. Son manillas de reloxio calcetando bufandas infinitas de horas interminables.

 Son procesos con luces e sombras, son bosquexos con fatigas e enerxía, son xogos con materiais, son visitas a talleres de edición buscando mans que mimen as súas "criaturas", son ilusións e tomas de decisións. Son sons.

Sabela trouxonos "ecografías" dos seus fotolibros. Estamos desexando telos nas  mans e darlle os colos cos que agarimamos as nosas lecturas. Ademais das tintas que se utilicen para editalos, sabemos que nas súas follas a intersección de impresións sensoriais será unha constante. 

Emocionounos evocar ecos de PESPUNTO e GARATUXAS. Emocionounos sentir as pisadas convertidas en pegadas da cámara de Sabela por toda a escola filmando e recollendo intres cotiás e convertindóos en extraordinarios. Emocionounos que unha artista compartira con nós un proceso creativo e creador.

Onte o mes de Abril voltou a entrar pola porta da nosa escola. Nas nosas caras sentimos novamente a maquillaxe azul da intervención  PALABRAS HABITADAS 

Moitas grazas SABELA EIRIZ por compartir o teu sentir,  grazas por habitar no mes da Revolución dos Caraveis o Ceip Heroínas de Sálvora!.

 













 


mércores, 7 de xuño de 2023

ESCOLA ABERTA: FAMILIA EXPERTAS CONVERSAN CON NÓS SOBRE TEMAS DO MÁIS VARIADO.

 No marco do proxecto de Escola Aberta as familias expertas seguen achegándonos temas de gran interese para todos e todas nós. Loli,nai de Roi, falounos de distintas cuestións relacionadas cos embarazos, amosóunos unha ecografía, o libro de Baby Pop de Meritxell Martí e Xavier Salomó...David, pai de Irina, compartiu a súa experiencia como mariñeiro de altura, explicándonos a ubicación xeográfica dos mares polos que navega, aparellos de pesca, como é o peteiro do peixe espada,... Pablo, pai de Icia e o seu compañeiro Manolo, mostráronos diversos aspectos relacionados coa súa profesión de doutor no hospital do Barbanza e técnico sanitario de ambulancia. Puidemos observar: equipamento médico da ambulancia, escoitar distintos sons do corpo co fonendoscopio...

Moitas grazas Loli, David, Pablo e Manolo pola vosa visita e conversas!

















venres, 2 de xuño de 2023

" A QUE SABE A LÚA?" REPRESENTACIÓN TEATRAL DE MONICREQUES PARA AS AVOAS DE AGADEA.

 Hoxe o Café-Teatro vestiuse de gala para recibir  ás avoas e traballadores/as de AGADEA. A Comunidade de Medianos/as representou o conto "A que sabe a lúa?" con monicreques elaborados por eles/as. A obra foi preparada co profe Gonza nos seus obradoiros de teatro.

Foi un día moi especial cheo de emocións interxeracionais, onde a sabiduría da experiencia da vida do noso público de luxo, misturóuse coa literatura convertida nun guión teatral . Moitas grazas por vir á nosa escola! Grazas ao persoal profesional de AGADEA por facilitarnos estas experiencias tan enriquecedoras para educar na sensibilidade  conxuntamente!





 
 
 
 

 

Este poema queremos adicarllo a todos os avós e avoas que cortaron as silverias dos camiños para que nos poidamos aprender a andar sen mancarnos:


Mira os avós.
Antes eran máis grandes,
máis altos,
máis anchos...
pero devecen coma as follas sen zume.

Aseguran que o tempo é o único culpable,
un furtivo que chega cos dentes afiados
a cravárselles no rostro
mentres dormen
mentres botan farangullas ás pombas dos xardíns
ou xogan coma nenos.

A miúdo falan de vidas que pasaron
e argallan historias,
ao quentaren as mans
sobre a seda dos lumes.

Os avós envellecen devagar,
pero ninguén pode arrincarlles o sorriso,
porque gardan
o segredo do futuro,
máis alá dos seus ollos pequenos.
 
(Ana MªFernández)





ESCOLA ABERTA: FAMILIAS EXPERTAS.

 Os nosos coñecementos seguen ampliándose  grazas ás visitas das familias expertas que preparan charlas,obradoiros... sobre distintos temas. 

 José Antonio, pai de Martín, contóunos distintas cuestións sobre a arquitectura achegándonos planos, maquetas...Juan, o pai de Hugo, mostróunos o seu uniforme de traballo e explicounos como velan pola seguridade da cidadanía como garda civil. Fernando e Nieves , pai e nai de Fernando e Dani agasalláronnos coa música dos seus instrumentos e Puri, nai de Diego, ensinounos a facer unhas deliciosas receitas no ambiente de cociña.

Moitas grazas a todos e todas por adicarnos o voso tempo, saberes que nutren todos os nosos sentidos!









mércores, 31 de maio de 2023

ESCOLA ABERTA: INTRES LECTORES EN FAMILIA.

 Cando nos visitan as familias colaboradoras, danse intres  espontáneos máxicos de lectura entre nenos/as e adultos/as. Son instantes de vinculacións moi umbilicais.