Co inicio do terceiro trimestre en breve dará comezo o terceiro clube de lectura do curso. Nesta ocasión o libro escollido está editado por Xerais, o seu autor é Ramón Caride e leva por título:
PERIGO VEXETAL
É unha novela clásica de aventuras ambientada no ano 2075, entre Galicia, Arxentina e Suiza. Dous irmáns orfos, Sheila e Said, de 10 e 12 anos respectivamente,póñense en contacto cos " rapaces do pasado " para contarlles unha extraordinaria aventura. Viven nun muiño da parroquia de Loreda e descobren, gracias á rede informática universal, un plano para dominar o mundo, e loitarán ao longo de toda a novela para contrarrestalo. Escrita alternativamente en primeira persoa por cada un dos protagonistas, axiña descubriremos que a existencia dunha nova planta alimenticia, o supercereal SC-1, obtido por manipulación xenética, vai ser o eixo de toda a trama. Un supercereal creado por procedementos biotecnolóxicos que está deseñado para substituir outras plantas como o trigo, o centeo, o millo ou o arroz que eran, ata daquela, a base da alimentación humana. Ao redor desta noticia comezan a aparecer novas informacións que os alertarán sobre unha posible ameaza.