martes, 15 de novembro de 2016

PORTAL DAS PALABRAS

As palabras voan libres no noso universo e préstannos os seus fonemas para ilustrar os nosos pensamentos. Ao CEIP Heroínas de Sálvora chegou un merlo merlán, un merlo ao que a lingua lle sabe a pan.  O merlo merlán cada día para nós, unha palabra cantará, enchendo as nosas aulas da sabedoría do que acontece máis alá. “De onde, alá?”, alguén preguntará. Do país da imaxinación ou do dos soños, de alí virá.

Shhh!!! Escoitade o seu asubío, pois de seguro que soará baixiño, para deixar que as palabras discorran paseniño. Pero… non! non tan a modiño, pois este merlo merlán non vai parar de vir aquí, a Aguiño!
Vai voar cada día, cargado de soños e de alegría. Parará nas nosas portas, na d@s que quedan no piso de abaixo, e na d@s que van para arriba! Fixádevos ben antes de entrar, non vaia ser que este pillabán faga algunha das súas e non nos visite algunha mañá!





Como o curso pasado gustou moito, esta semana volvemos a poñer en marcha o "Portal das Palabras", e como non podía ser doutro xeito o merlo merlán deixounos a primeira palabra que é: NENÚFAR, que empeza o título do proxecto que imos a desenvolver ao longo de todo o curso: "Nenúfares: Identidade e diversidade afectivo e sexual".

Semanalmente darémosvos conta de todas as palabras que sairon ao longo de cada semana.