mércores, 14 de xuño de 2023

ECOGRAFÍAS DE GARATUXAS, PESPUNTO E PALABRAS HABITADAS.

 Onte o mes de Abril voltou a entrar pola porta da nosa escola. Retomamos o punto e seguido que bordamos daquela cando o ollo de cámara fotográfica da nosa querida artista habitante Sabela Eiriz se despediu cun sorriso dos que non fan falta nada máis.

    É un privilexio que Sabela nos faga partícipes dos procesos de creación das súas obras e nos invite a coñecer as súas entrañas. Son labirintos misteriosos que descoñecemos e que poñen en valor todo o traballo que hai detrás de cada peza artística. Son manillas de reloxio calcetando bufandas infinitas de horas interminables.

 Son procesos con luces e sombras, son bosquexos con fatigas e enerxía, son xogos con materiais, son visitas a talleres de edición buscando mans que mimen as súas "criaturas", son ilusións e tomas de decisións. Son sons.

Sabela trouxonos "ecografías" dos seus fotolibros. Estamos desexando telos nas  mans e darlle os colos cos que agarimamos as nosas lecturas. Ademais das tintas que se utilicen para editalos, sabemos que nas súas follas a intersección de impresións sensoriais será unha constante. 

Emocionounos evocar ecos de PESPUNTO e GARATUXAS. Emocionounos sentir as pisadas convertidas en pegadas da cámara de Sabela por toda a escola filmando e recollendo intres cotiás e convertindóos en extraordinarios. Emocionounos que unha artista compartira con nós un proceso creativo e creador.

Onte o mes de Abril voltou a entrar pola porta da nosa escola. Nas nosas caras sentimos novamente a maquillaxe azul da intervención  PALABRAS HABITADAS 

Moitas grazas SABELA EIRIZ por compartir o teu sentir,  grazas por habitar no mes da Revolución dos Caraveis o Ceip Heroínas de Sálvora!.