Amosando publicacións coa etiqueta CLUB DE LECTURA "MEDIO PAN". Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CLUB DE LECTURA "MEDIO PAN". Amosar todas as publicacións

luns, 29 de maio de 2023

"VOLVERÁS, GOLFIÑO". REMATAMOS O LIBRO DE ANDREA MACEIRAS. PECHAMOS O CLUBE DE LECTURA "MEDIO PAN" ESTE CURSO.

 "Volverás, Golfiño",foi un libro que encheu a biblioteca de misterios con sabor a salitre inspirados en historias reais da nosa costa.Puidemos sentir a resonancia do son dun faro, como ecos na néboa, alumeaban as páxinas e nos invitaban a ser naufragos/as das letras.

Como despedida do clube de lectura "Medio Pan", fixemos unha xoia-amuleto que ven podería levalo Iris nesta obra da escritora galega, Andrea Maceiras. A rosa do vento marca rumbos de lendas que aniñan xa no noso imaxinario. A rosa do vento e a canción tradicional "Alumea" interpretada por Sonia Lebedynski, acompañaranos nas bibliotecas persoais que pouco a pouco van habitando as nosas vidas.









ALUMEA

 ALUMEAME ALUMEA

ESTRELIÑA DA FORTUNA
ALUMEAME ALUMEA
MENTRAS QUE NON SAIA A LÚA.

ALUMEAME ALUMEA
ESTRELIÑA DA FORTUNA
ALUMEAME ALUMEA
MENTRAS QUE NON SAIA A LÚA.

O CANTAR DO ARRIEIRO
É UN CANTAR MOI BAIXIÑO
CANDO CANTA EN RIBADAVIA
RESOA NO CARBALLIÑO.

POR TI AGARDO NO TORREIRO
IMOS XUNTOS EMBARCARE
VOU CONTIGO MARIÑEIRO
BOTEI AO VENTO UN CANTARE.
VOU CONTIGO MARIÑEIRO
TRAVESÍA DOS CEN MARES

 
Letra: Tradicional / Sonia Lebedynski


xoves, 18 de maio de 2023

NOVO ESPAZO NA BIBLIOTECA: HOMENAXE Á INFANCIA E ÁS FAMILIAS.

    Cando deseñamos un espazo na escola, non o deixamos en mans do azar, hai moitos bosquexos e ideas compartidas. Son espazos dentro dos ambientes pensados e reflexionados en base ás necesidades auténticas do alumnado, da comunidade educativa, ... isto aderezado con distintas conexións culturais que poidan existir, buscando sempre un mimo estético e de harmonía no conxunto do mesmo.

     Este é o caso dun novo espazo da  biblioteca central "Heroínas de Sálvora" da nosa escola. Quixemos proxectar un lugar que fora unha homenaxe tándem á infancia e as familias, onde poidan estar  presentes diversas linguaxes fusionadas evocando a Loris Malaguzzi. 


    Este espazo está pensado para que sexa  adaptable para toda a comunidade educativa, sendo as familias o noso centro de atención principal á hora de elixir o tamaño do mobililario, posto que desexamos poder ofrecer  un punto de encontro con elas,  onde a comodidade sexa unha aliadada do benestar para as charlas, lecturas compartidas,escola de familias, reunións de comisións de traballo...

 


    Na súa fundamentación máis romántica, familias e nenos/as danse a man a través da biografía de Paul Klee, artista elixido para o estampado central do sillón, posto que este autor elaboraba monicreques con todo tipo de materiais de reciclaxe e de desfeito para o seu fillo . Contáballe infinidade de contos e inventaban relatos conxuntamente.


     A todo isto súmase a súa ideoniedade para celebrar os clubes de lectura e os encontros cos/as escritores/as e ilustradores/as dos libros lidos, posto que os/as participantes son o alumnado da Comunidade de Maiores. Non esquenzamos que o autocolante e cartel do seu clube  de lectura "Medio Pan" ten unha ilustración de Kvêta Pacovská onde os aparecen tamén monicreques.




xoves, 20 de abril de 2023

NOVO LIBRO NO CLUBE DE LECTURA "MEDIO PAN": " VOLVERÁS, GOLFIÑO" DE ANDREA MACEIRAS E ILUSTRADO POR VICTOR RIVAS.

 Inaguramos o trimestre e comezamos cunha nova lectura no noso clube das tardes "Medio Pan". Trátase dunha obra da escritora galega Andrea Maceiras e do ilustrador  galego Victor Rivas.

Agárdanos novas aventuras con sabor a salitre!

VOLVERÁS, GOLFIÑO.



martes, 28 de marzo de 2023

REMATAMOS O LIBRO " A FOLLA AZUL" DE ANDREA MACEIRAS NO CLUB DE LECTURA "MEDIO PAN"

Esta semana rematamos o libro "A folla azul" de Andrea Maceiras e ilustrado por Sonia García, no noso club de lectura "Medio Pan". Os libros que se van lendo ao longo da vida son viaxes a través de diversas paisaxes literarias. De todas estas viaxes imos configurando o mosaico lector de cada quen, con teselas do que sentimos, do inesperado, de vocabulario novo que nos fai cóxegas...A lectura colectiva dos clubs fai que teñamos recordos cómplices de frases que nos provocou risa, que dramatizamos en voz alta, de dúbidas, incertidumes, sorpresas...Husu Aké, Amazonía, Tacaré...xa forma parte dos nosos pasaportes. Hoxe fixemos unha festa de remate, unha festa para celebrar que pechamos un libro que nos abriu moitas portas.





luns, 6 de febreiro de 2023

 CLUB DE LECTURA: A FOLLA AZUL.

No club de lectura están lendo a obra "A folla azul", escrita por Andrea Maceiras e ilustrada por Sonia García. 

Nesta obra, nárrase a historia de Husu Aké, membro dunha tribo indíxena da Amazonia. Este curso o proxecto da escola fía natureza e literatura polo que non podiamos deixar de escoller un libro cun claro protagonismo natural. De momento estalles gustando moito e axudándolles a entender a importancia dos recursos naturais e do coidado da diversidade natural e cultural.





sábado, 14 de xaneiro de 2023

A BIBLIOTECA COMO ESPAZO DE LECTURAS COLECTIVAS: CLUB DE LECTURA "MEDIO PAN".

CLUB DE LECTURA "MEDIO PAN".

O luns 16 de xaneiro comeza o primeiro club de lectura deste curso, chamado "Medio pan".
O nome fai refencia ao discurso que Federico García Lorca pronunciou en 1931 cando inaugurou a biblioteca da súa aldea natal, Fuente Vaqueros, en Granada. Foi a primeira biblioteca da provincia. Nel puídose escoitar: 

"Eu, se tivese fame e estivese desvalido na rúa, non pediría un pan, senón que pediría medio pan e un libro (...). Ben está que todos os homes coman, pero que todos os homes saiban".

                                                    

Aquí podedes atopar o discurso completo de Lorca, unha xoia da defensa da lectura e das bibliotecas:

E aquí unha fermosa homenaxe de 3 minutos que a serie "El Ministerio del Tiempo" fixo á súa figura:

O autocolante que anuncia o club de lectura é unha obra da ilustradora Květa Pacovská e a cita de Italo Calvino. Correndiño o teredes nas vosas casas!