xoves, 2 de abril de 2009

2 de abril: Día do libro infantil e xuvenil

Como tódolos anos nesta data non podemos deixar de lembrar a Hans Christian Andersen e na biblioteca estamos facendo lecturas individuais e colectivas dalgunhas das súas obras. Ademáis nas aulas de E.Infantil realizaronse actividades en torno a un dos contos preferidos do noso alumnado "O parruliño feo"
Aquí tendes unha pequena selección dos contos de Andersen máis lidos na nosa biblioteca

mércores, 25 de marzo de 2009

novidades

Coa chegada da primavera na nosa biblioteca poñemos a vosa disposición dúas novas guías para disfrutar da natureza


Contacontos para E.Infantil

Hoxe os nenos e nenas de 4 e 5 anos do noso Ceip disfrutaron dunha sesión de contacontos ofrecida pola editorial Kalandraka. A través da palabra e a música os máis cativos/as viviron as aventuras do rato Paco que quería probar a Lúa, de Garavanciño cando foi comido polo boi e de Martín ese neno que andaba nunha nube.




mércores, 4 de febreiro de 2009

Día da Candeloria

O 2 de febreiro conmemórase o Día da Candeloria e segundo a crenza popular nese día "casan os paxariños nas árbores", por iso di o refrán " A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa".

Actualmente este é o día escollido para celebrar o Día do Amor en Galicia, por iso os equipos de Normalización Lingüística e Biblioteca do colexio propoñen a todo o profesorado e alumnado do centro que nesta data lle digan a alguén que o queren agasallándoo cun poema.

xoves, 15 de xaneiro de 2009

O Barbanza nas nosas letras

A Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Barbanza (CENDLB) achéganos este tríptico con lecturas recomendadas para o noso alumnado escritas por autores e autoras barbanzáns ou que desenvolven o seu argumento na nosa comarca.


As mochilas viaxeiras inician a súa andaina



Co novo ano chega unha nova proposta do equipo de biblioteca : a "mochila viaxeira". Tratamos con ela de achegar libros de lectura para os diferentes membros da familia, DVDs temáticos, CDs de xogos para o ordenador, revistas infantís e xuvenís, ..... ata as casas do noso alumnado e implicar así ás familias na creación e consolidación de hábitos de lectura.




Botamos a andar unha mochila por nivel (tanto en Infantil como en Primaria) e por turno rotatorio irá indo de casa en casa durante sete días, pasando nesta a fin de semana co fin de que toda a familia a poda disfrutar.

Nela tamén incluimos un pequeno caderno de apuntamentos co fin de que nos fagan chegar a opinión que lles merece esta actividade e levar a cabo propostas de mellora.

luns, 15 de decembro de 2008

Nova edición do Biblioxogo

A rata Honorata proponvos participar no mes de decembro no seu xogo. Só tendes que encher os ocos no relato que aparece na parte inferior. Se non sabes algunha das palabras podes consultar as pistas na biblioteca do cole de luns a xoves de 17h. a 18h. (lembra que de 16h. a 17h. hai actividades de animación á lectura).

BIBLIOxogo Do Mar

xoves, 20 de novembro de 2008

Amadriña/apadriña unha palabra

Seguindo as propostas do equipo de Normalización Lingüística os nenos e nenas do noso centro elaboraron poemas visuais dentro do proxecto "Amadriña/apadriña unha palabra"


"A cremalleira viaxeira"












"Palabras e pingas"


"Cara onde imos"


Neste proxecto tamén participan outros colexios galegos. Podes ver os poemas que van mandando no blogue do equipo de innovación

xoves, 13 de novembro de 2008

Semana do medo

Coincidindo coas datas do Samaín os equipos de Normalización Lingüística e Biblioteca do noso Ceip propuxeron levar a cabo, nos distintos ciclos, actividades de animación á lectura en torno aos contos de medo.
Así pois ambientouse a biblioteca con siluetas de bruxas, pantasmas, esqueletes,... e se levaron a cabo sesións de contacontos.
As mestras de E. Infantil organizaron ademáis as seguintes actividades para todo o alumnado de E.I.

representación do conto "Gato Guille e os monstros" na biblioteca



actividades no EDI con personaxes e escenarios propios dos contos de medo



"contos ás escuras" no que se contaba o conto "Onde viven os monstros" con axuda dunha caixiña con luz na que se ían sucedendo as esceas do conto



"arte de medo" no obradoiro de Artística



Se queredes saber máis destas actividades visitade os blogues das distintas aulas de E.I.

mércores, 12 de novembro de 2008

Os nenos e nenas de 1º ciclo van ao teatro

Hai uns días os nenos e nenas do 1º ciclo de E.P. asistiron a unha sesión de animación á lectura no Auditorio de Ribeira.




A Editorial Galaxia puxo en marcha unha campaña de fomento da lingua galega e da lectura no ámbito familiar a través dunha representación teatral axeitada á idade dos cativos de entre 6 e 7 anos de idade. Ademais da posta en escena de Flis-fli-ris-flás entregouselle a todo o alumnado do primeiro ciclo de primaria, un conto baseado na obra, cunha serie de propostas lúdicas para ofrecerlles aos pais e cun CD interactivo con recursos de apoio e actividades.