O día 2 de febreiro celébrase A Candeloria.
Esta data considérase coma un preludio da chegada da primavera e con ela o
renacer da natureza. A Candeloria é a época do casamento dos paxaros e para os
mariñeiros é o comezo da navegación despois da longa espera no período invernal
no cal a maior parte das embarcacións non saen dos portos debido ao mal tempo.
A orixe desta festa é pagá. Era a antiga “festa da
luz” , celebrada polos celtas e tamén polos romanos.
En Galicia,no ámbito agrario, celebrábase o
“casamento dos paxariños” . Di un refrán que “a partir da Candeloria,
ningunha ave voa soa”. Considerábase a esta festa coma “a do amor e do
apareamento no reino animal”.
Nalgunhas comarcas, tamén era considerado o
día do encantamento das cobras, pois, entre os labregos, era moi común dicir :
“Santa Candeloria me ampare esta cobra”, invocando poder para manter
lonxe calquera tipo de serpe.
Hai outro refrán que di: “Cando a Candeloria
chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, a metade do
inverno está por pasar”.
Luis Amado Carballo escribiu este fermoso poema titulado “A Candeloria”
Na catedral do abrente
hoxe
casan os paxaros,
con nubes
de neve e ouro
está o
ceo engalanado.
Ficou o día ancorado
na ría
donda do ceo.
Os roibéns soben no lonxe
como rosarios de incienso.
O xantar do casamento,
roibo, na palma da man
das eiras madrugadoras
xa está arranxado no val.
Vai tocando polo campo
a súa zanfona o rego
e canta o vento nas farpas
sonorosas dos piñeiros.
O campo as montañas ruzas
envolve en capa pluvial
co hisopo do sol mollado
dálles a beizón nupcial.
Do casebre nugallán
soben os vivas dos galos
e na festa desta noite
estrea un luar o campo.