venres, 28 de abril de 2017

24 de ABRIL: RUBÉN RIÓS E ÓSCAR RODRÍGUEZ

Este curso estamos inmersos no Proxecto Aula I+I, que nos permitiu coñecer o proxecto "Vida":

Un ano de ensaios co director do proxecto VIDA Rubén Riós, ao carón dun colectivo de persoas con capacidades diferentes e con infinitas ganas de amosar ao mundo do que son capaces, foi o detonante para levar a cabo a realización de dúas grandes obras audiovisuais tomando como base o espírito de unión e o traballo en equipo.
“Máis ca Vida” é un documental que recolle os testemuños reais do día a día do mundo que rodea a estas persoas.
O documental plasma en imaxes os momentos de ensaios aos que tiveron que enfrontarse de cara á rodaxe en ligazón aos seus medos, alegrías, interrogantes, dificultades, fatigas… aos seus sentimentos.
Pouco despois de coñecer en profundidade as inquedanzas dos nosos protagonistas,  o documental contribúe a plasmar en papel todo aquilo que dunha maneira indirecta axuda á creación das tramas do guión de “Vida”, unha obra de ficción creada por e para eles.
A obra de ficción “Vida”, unha mistura de arte, entretemento e comunicación, convértese na primeira experiencia audiovisual deste grupo, que entrelazadas a un reparto artístico de primeira categoría como os recoñecidos actores Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, Estíbaliz Veiga, María Mera e Luis Iglesia entre outros, trasladarán ao espectador dunha maneira lúdica e enteiramente positiva e realista, as diferenzas sociais existentes invitando ao público á reflexión.
Estes dous proxectos estreitamente ligados ofrecen un formato pioneiro que transportará ao público a un mundo de emocións no que poderá descubrir que a ficción e a realidade destas dúas obras van collidas pola man.
Como o proxecto nos gustou moito decidimos fusionar o Proxecto Aula I+I e a III Semana da Diversidade e Orientación, e organizar a visita de Rubén e Óscar.
A súa visita estivo organizada en dúas sesións para o alumnado de primaria (organizado na comunidade dos medianos e na comunidade dos maiores) e outra sesión dirixida ás familias. Ao longo das mesmas contáronnos cómo se desenvolveu o proxecto, cómo se sentiron, que querían transmitir,... todo acompañado de moita paixón, sensibilidade e sentimento.
 
A comunidade educativa do CEIP Heroínas de Sálvora agradece de corazón a vosa visita, por todo o que nos fixéchedes sentir e dámosvos os parabén por este traballo tan ben feito!!!